Monday 29 de April de 2024

Exitazo no primeiro encontro para aprender a cantar organizado pola Concellaría de Cultura de San Sadurniño


As sesións estarán dirixidas por Xoán Padín, membro do Coro Encaixe

Xoves 10 de outubro, oito menos cuarto do serán. Diante da Casa da Cultura empeza a xuntarse xente impaciente por entrar na Casa da Xuventude. Son de Sansa, de Bardaos, de Lamas, de Naraío… incluso de fóra do concello. Case unha trintena de persoas de distintas idades agardando a que chegase Xoán Padín, mestre dun novo obradoiro organizado pola área de Cultura co que se busca armar un grupo estable que queira aprender cancións populares do repertorio galego, pero tamén pezas de todo tipo que se botan nas tabernas e en ocasións festivas. A porta abriu pasadas as oito e para as nove menos cuarto xa se sentían a través das fiestras os sons da guitarra mesturados coas voces entoando cunha excepcional calidade cousas tan coñecidas coma “Quen poidera namorala”, “O Carro” ou a “Sementeira” escrita por Luís Álvarez Pousa que fixeran famosa Fuxan os ventos. A convocatoria foi todo un éxito. Agora manterase durante un mes a ver como funciona e, se hai interese, converterase en escola municipal.

A idea explicouna ao comezo do encontro a concelleira de Cultura, Amparo Calvo, quen sinalou que o obxectivo principal da proposta era “pasalo ben” e xuntarse para aprender todo tipo de cancións dunha maneira un tanto informal posto que, segundo suxeriu, o obxectivo da súa área era darlle un aire máis participativo e lúdico á oferta musical, engadindo ademais que “para unha formación máis especializada xa hai outros sitios”.

Calvo comentou tamén que, polo momento, se trata só de ir vendo se a actividade engancha. Por iso se ofrecerá sen custe durante aproximadamente un mes e logo, se hai un grupo suficientemente numeroso que queira continuar, manter a oferta dentro do catálogo das escolas municipais de cultura, que xa contan desde hai anos con gaita e pandeireta.

De dirixir as sesións encárgase Xoán Padín, quen forma parte do Coro Encaixe e doutras entidades relacionadas coa promoción da música e a lingua. El comentou que a súa idea era ensinar “cancións galegas, aínda que polo medio tamén podemos meter outras” posto que asegurou estar aberto “ao que vós me digades, ao que queirades cantar”. Tamén convidou a que se alguén toca algún instrumento -pandeireta, guitarra, acordeón, gaita, etc.- que a trouxese para reforzar a parte melódica.

E o de cantar non tardou. A primeira ensinanza foron os exercicios para quentar a voz e algúns consellos para conseguir a súa correcta proxección, xogando para iso coa respiración diafragmática e co aproveitamento da cabeza -especialmente o veo do padal e as foxas nasais- como caixa de resoancia. O de afinar xa se irá vendo e quizais non sexa tan necesario repasalo, posto que boa parte das persoas que viñeron esta primeira vez xa tiñan asistido ás clases de música vocal dos coros de Lamas e San Sadurniño.

A primeira proba foi “Quen puidera namorala”, título que Luís Emilio Batallán lle deu ao poema de Cunqueiro “No niño novo do vento” na súa versión musical. E o resultado -así, case en frío- deixou abraiado a Padín. “Vaia, acabo de quedar moi sorprendido”, dixo o profesor ao ver que practicamente todo o mundo -que xa eran máis de trinta persoas tralas incorporacións de última hora- seguira perfectamente o ritmo e, o máis difícil, o tono dos acordes que el ía marcando coa guitarra.

Entre risas e peticións as cancións foron encadeándose unha tras doutra: O Carro ao que lle cantou Manuel María, o Sementar, sementarei…, o Sancristán de Coímbra, o Ghato metido nun saco… e así un pupurrí que se prolongou ata ben pasadas as 10 da noite.

Veredicto: o primeiro día foi un éxito e o xoves que vén volvemos á mesma hora e no mesmo sitio, ás 20.00h. na Casa da Xuventude. Quen queira unirse a este grupo pode facelo chamando ao 981 490 027 en horario de mañá para apuntarse. De momento non hai compromiso ningún, quedan aínda tres sesións para ver se gusta e, se non, nada. Pero, visto o visto onte, seguro que a cousa vai para adiante e que as troulas de toda a volta contarán dentro de pouco cunha chea de cantantes de San Sadurniño.